Páxinas

domingo, 3 de decembro de 2023

Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Para traballar a concienciación sobre a situación e necesidades das persoas con diversidade funcional propomos varias reflexións e diferentes contos que contan moito. Tamén un serie de curtas que axudan a visibilizar o tema que nos ocupa.
Pequenos grans de area van facendo montañas, pon o teu!
Ademais desta proposta, nas sesións de Educación Física da semana do 11 ao 15 o alumnado poderá experimentar algunhas das dificultades e trabas coas que se atopan as persoas con diversidade funcional. 

luns, 20 de novembro de 2023

Día Internacional da Infancia

O 20 de novembro celébrase o Día Universal da Infancia, un día para concienciar sobre a situación dos nenos e nenas máis desfavorecidos, para defender os seus dereitos e para actuar e colaborar con aquelas campañas e iniciativas que traballan para protexelos.

A continuación, algúns recursos para traballar o tema.

xoves, 16 de novembro de 2023

Visita de Isaac Bargiela

Hoxe tivemos o pracer de contar cun exalumno con moita arte e amor polo que fai. Isaac Bargiela explicounos como é o traballo dun deseñador de iluminación, escenógrafo e creativo.

Encantounos, moitas grazas Isaac!

martes, 24 de outubro de 2023

Día das bibliotecas

Para amenizar este día e axudar a divulgar a importancia das bibliotecas, escoitaremos cancións que falen delas, da lectura e dos libros.



sábado, 21 de outubro de 2023

Escritoras galegas premiadas

Dúas autoras galegas Premios Nacionais!
  • Yolanda Castaño
Premio Nacional de Poesía
  • Paula Carballeira
Premio Nacional de Literatura Dramática

xoves, 1 de xuño de 2023

Outras actividades

A biblioteca, no seu amplo e acolledor espazo, tamén acolle outras actividades como as seguintes:

  • Charla sobre manobras de emerxencia e RPC.
  • Charla sobre hixiene bucodental.
  • Charla sobre o mel e as abellas.

luns, 22 de maio de 2023

Encontro literario con Eva Mejuto

Este día as alumnas e alumnos de Educación Infantil e o 1º nivel de Primaria gozaron coa presenza e o conto desta fabulosa escritora. Dez Gatiñas Viaxeiras foi o elixido nesta ocasión, aínda que non quixemos deixala ir sen recordar dous contos que nos encantaaaaaaan outro tanto, A Mosca Chosca máis Corre, Corre Cabaciña (elixido por EI para facer a Caixa dos Recordos dun Libro)!

Moitísimas grazas Eva, queremos verte pronto! 

martes, 9 de maio de 2023

Encontro literario con Celia Núñez

Tivemos a sorte e o pracer de poder contar, unha vez máis na nosa biblioteca, con esta gran escritora ourensá. Nesta ocasión eliximos a obra de teatro Unha Estrela para Amina

Moitísimas grazas Celia, por compartir o teu tempo con nós e polo fermoso agasallo!

luns, 8 de maio de 2023

Encontro literario con María Canosa

E Chegou o tan esperado día! O alumnado de 2º de primaria traballou no seu itinerario lector o conto O día que choveu do revés e encantounos a forma de contalo desta marabillosa persoa e escritora!

Mil grazas María, esperámoste prontiño! 

martes, 2 de maio de 2023

Encontro literario con Andrea Maceiras

Todo un gusto ter compartido este Encontro Literario con Andrea Maceiras. Canto aprendemos sobre a Amazonia e o Medio Ambiente; e canto desfrutamos! 

Moitísimas grazas Andrea!

mércores, 26 de abril de 2023

Charla coa asociación Nós Mesmas

Charla coa asociación Nós Mesmas  como complemento ao 25N, ao 8M e a toda a labor a prol da Igualdade real: 

Marabillados quedamos coa sinxela e clara explicación brindada por Robe, da asociación Nós Mesmas, sobre a diversidade de familias e os estereotipos de xénero. Xeniaaaaaal! 

Graciñas por contribuír tan ben á inclusión e ao respecto á diversidade afectivo-sexual.

luns, 24 de abril de 2023

Encontros literarios

O vindeiro mes de maio temos a sorte e o pracer de realizar diferentes encontros literarios con algunhas das autoras elexidas o Día das Escritoras, procurando, ao redor da súa persoa e das súas obras, un maior coñecemento das mesmas á par que o merecido recoñecemento de cara a celebración do Día das Letras Galegas (moi poucas escritoras homenaxeadas). A primeira en visitarnos vai ser a gran Andrea Maceiras, que ansia de coñecela!
 

xoves, 20 de abril de 2023

En abril, libros mil !

Este mes de abril o libro é o protagonista, e para celebralo organizamos diversas actividades nas que toda a comunidade educativa conta moito! Graciñas a todas e todos! Velaquí deixamos a nosa programación, mostras das actividades e algunha fotiño a partir da que podedes escribir a nosa bilblioteca escolar!


martes, 21 de marzo de 2023

Día Internacional da Poesía

Convocamos o II Concurso de Poemar á Muller, no que destacamos o poema elaborado por Dna Graciela, avoa de Daniela Fernández Frontán e os fantásticos Podcast do alumnado dos Clubs de Lectura. Tamén houbo aulas que fixeron pareados e Haikus estupendos, parabéns a todas as persoas participantes!

mércores, 8 de marzo de 2023

Contacontos con Benxamín Míguez

Ademais das actividades programadas para o 8M, tamén tivemos con nós ao contacontos con Benxamín Míguez.

Grazas ao este magnífico contador de contos puidemos desfrutar dunha historia especial, as aventuras e desventuras de princesas aburridas de ter vida de princesas.


domingo, 5 de marzo de 2023

8M – Día Internacional da Muller

Neste 2023 no cole queremos aportar o noso gran de area ao logro da igualdade real entre mulleres e homes (equidade) visibilizando ás mulleres favoritas das nosas vidas (familiares, pintoras, músicas, escritoras, deportistas, científicas...), así como como algúns dos cambios necesarios no día a día para acadar tal realidade co mural “Imaxes que falan, accións que cambian”.

Para complementar estas actividades deixamos a continuación uns recursos (guías de lectura, vídeos e películas... ) cos que traballar a coeducación os 365 días do ano! 





xoves, 23 de febreiro de 2023

Día Internacional da lingua materna Día de Rosalía

EDLG, Biblioteca e Extraescolares informan:

Conmemoracións 21 e 23 de febreiro 

Día Internacional da lingua materna - Día de Rosalía

Durante o recreo dos días 23 (3º e 4º primaria) e 24 (5º e 6º de primaria) proxectarase na biblioteca a curtametraxe que aparece ao final do documento, suxerindo ás aulas de Educación Infantil máis 1º e 2º de primaria a reprodución na clase da canción “Eu falo así” e un pequeno diálogo de como falan eles, os seus pais, avós… + O Rap da Lingua e o conto - CD “Rosalía Pequeniña”.

En calquera caso, e en calquera dos niveis, sempre poderemos usar e xogar coa lingua galega seguindo as actividades propostas ao final ou outras que vós consideredes!