Páxinas

mércores, 15 de febreiro de 2017

O TRIÁNGULO MÁXICO DO ENTROIDO OURENSÁN

Xa está chegando o Entroido, unha época para gozar da troula. Un dos sitios onde se vive dun xeito especial esta festa é no corazón de Ourense, no chamado triángulo máxico: Xinzo de Limia, Verín e Laza.

Xa estamos nos días centrais do Entroido, e nos principais puntos da nosa terra xa teñen todo preparado para gozar da troula ao máximo.
 Xa levan varias fins de semana de festa e seguen! 
En cada un destes entroidos teñen a súa figura tradicional e emblemática. 
En Xinzo de Limia  son as pantallas, figuras que levan máscaras (case sempre artesanais) con cara de demo con cornos e que van vestidas con camisa e calzón branco, capa vermella ou negra e pano da cabeza (normalmente vermello), polainas negras e zapatos negros. Na cintura levan unha faixa de tea vermella cunhas campaíñas que van facendo soar. Ademais, nas mans levan vexigas de vacas secas e infladas.

A función das pantallas no Entroido é a de vixiar que ninguén vaia pola rúa sen disfrace.


 En Verín saen os cigarróns, unhas figuras que levan un traxe que pesa arredor de 25 quilos, contando coas chocas e coa máscara. Esta máscara está feita con madeira de bidueiro e remata cunha mitra de folla de lata decorada con motivos de animais. Ademais, visten camisa branca con gravata e chaqueta con galóns e flocos, calzón curto branco e medias tamén brancas. Levan chocas que fan soar cando bailan, saltan e corren, e na man levan unha fusta coa que chaman á orde.


O último punto do triángulo é Laza, cos seus peliqueiros, que reciben este nome pola pelica (pel dun animal) que levan colgada na parte traseira da máscara. A súa vestimenta é parecida á dos cigarróns, con camisa branca, gravata e chaqueta con galóns e flocos. Levan calzón curto branco con pompóns a modo de volantes, medias de encaixe brancas e zapatos negros. Por riba dos calzóns levan unha faixa de cor cun cinto de pel con seis chocas.


Os peliqueiros van en fila, correndo e saltando polas rúas, abrindo paso coa fusta e coas chocas soando co movemento.
Os entroidos de Xinzo de Limia e de Verín teñen o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario