martes, 4 de abril de 2017

MOSTRA DOS NOSOS POETAS E POETISAS

Durante este mes de marzo os nosos corredoiros enchéronse de poesía. Expuxéronse o 24, día de Rosalía de Castro, algunhas desta escritora, pero ao seu carón tamén apareceron as dos nosos poetas e poetisas.

GRACIAS POLA VOSA COLABORACIÓN!!!

                                     




luns, 27 de marzo de 2017

MOSTRA DE POETAS NOUTRAS LÍNGUAS

Durante este mes tamén puidemos coñecer a algúns poetas estranxeiros e disfrutar dalgunha das súas poesías. Foi divertido ver como se escribe e como soa noutros idiomas.


martes, 21 de marzo de 2017

EXPOSICIÓN DE POESÍA

Hoxe é o DÍA MUNDIAL DA POESÍA pero   querémosvos animar a ler e escribir POESÍA durante todo o mes de marzo. Temos preparada unha mostra de libros para que a podades disfrutar. 

Esperámosvos na biblioteca!!!



martes, 14 de marzo de 2017

MARZO, MES DA POESÍA

                                   

Durante este mes animámosvos de xeito especial a ler , escribir e ilustrar poesía.Desexamos que lle perdades o medo.

"Non lemos e escribimos poesía porque é bonita. Lemos e escribimos poesía porque pertencemos á raza humana. E a raza humana está chea de paixón...Pero a poesía , a beleza, o romanticismo, o amor, son as cousas que nos manteñen vivos..."
                                                      
                                                         (O club dos poetas mortos)

luns, 6 de marzo de 2017

CHARLA SOBRE A VESPA VELUTINA

Esta semana pasada tivemos charlas informativas sobre a vespa velutina ou vespa asiática, a cargo de Roberto, bombeiro, e de Tomás Rivero, apicultor. Aprendimos a recoñecela e como axudar a combatila. Ensináronnos como facer trampas caseiras , un medio moi útil de colaboración, para controlar o número de vespas e frear a formación de niños. Todos acabamos a charla desexando construir unha para poder axudar a eliminala.




Tan pronto chegamos a clase quixemos ler o folleto que nos deron por se nos quedou algo sen aprender.



martes, 21 de febreiro de 2017

TEMPO DE ENTROIDO

Dende a biblioteca preparouse unha exposición con información sobre o entroido do Triángulo Máxico de Galicia e sobre o de Ponteareas.
Esta é unha boa época para investigar sobre as tradicións relacionadas con esta festa.








mércores, 15 de febreiro de 2017

O TRIÁNGULO MÁXICO DO ENTROIDO OURENSÁN

Xa está chegando o Entroido, unha época para gozar da troula. Un dos sitios onde se vive dun xeito especial esta festa é no corazón de Ourense, no chamado triángulo máxico: Xinzo de Limia, Verín e Laza.

Xa estamos nos días centrais do Entroido, e nos principais puntos da nosa terra xa teñen todo preparado para gozar da troula ao máximo.
 Xa levan varias fins de semana de festa e seguen! 
En cada un destes entroidos teñen a súa figura tradicional e emblemática. 
En Xinzo de Limia  son as pantallas, figuras que levan máscaras (case sempre artesanais) con cara de demo con cornos e que van vestidas con camisa e calzón branco, capa vermella ou negra e pano da cabeza (normalmente vermello), polainas negras e zapatos negros. Na cintura levan unha faixa de tea vermella cunhas campaíñas que van facendo soar. Ademais, nas mans levan vexigas de vacas secas e infladas.

A función das pantallas no Entroido é a de vixiar que ninguén vaia pola rúa sen disfrace.


 En Verín saen os cigarróns, unhas figuras que levan un traxe que pesa arredor de 25 quilos, contando coas chocas e coa máscara. Esta máscara está feita con madeira de bidueiro e remata cunha mitra de folla de lata decorada con motivos de animais. Ademais, visten camisa branca con gravata e chaqueta con galóns e flocos, calzón curto branco e medias tamén brancas. Levan chocas que fan soar cando bailan, saltan e corren, e na man levan unha fusta coa que chaman á orde.


O último punto do triángulo é Laza, cos seus peliqueiros, que reciben este nome pola pelica (pel dun animal) que levan colgada na parte traseira da máscara. A súa vestimenta é parecida á dos cigarróns, con camisa branca, gravata e chaqueta con galóns e flocos. Levan calzón curto branco con pompóns a modo de volantes, medias de encaixe brancas e zapatos negros. Por riba dos calzóns levan unha faixa de cor cun cinto de pel con seis chocas.


Os peliqueiros van en fila, correndo e saltando polas rúas, abrindo paso coa fusta e coas chocas soando co movemento.
Os entroidos de Xinzo de Limia e de Verín teñen o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional.