martes, 13 de decembro de 2016

RANCHOS DE REIS



Os Ranchos de Reis son danzas típicas de  Ponteareas, Mondariz, Salceda de Caselas, Redondela e outras localidades da comarca do Condado. Saen o 5 e 6 de xaneiro e percorren as rúas entoando cantigas populares ó ritmo das pandeiretas e doutros instrumentos que acompañan as danzas.
As danzas que se executan son xeralmente de paus, arcos, cintas ou castañolas.  Debemos sinalar que nas danzas de paus e de cintas  hai un  posible significado solar vinculado ó ciclo anual do Sol: nelas dánzase ó redor dun pau central con fitas de cores que son sostidas polos danzantes que se entrecruzan e trazan círculos cada vez máis pequenos mentres as van trenzando sobre este eixo ata quedaren tódalas fitas trenzadas no pau. Despois, destrenzanas ata abriren totalmente o colorido círculo de fitas simbolizando, dalgún xeito, o renacer anual do Sol tralo solsticio de inverno.  Os danzantes levan espellos e obxectos reflectantes nas súas coroas o que fai pensar  aínda máis no carácter solar do baile.



          


         danza de pau e cintas

En torno ás datas do Nadal, na nosa comarca, existen  fermosas tradicións onde a música, o canto e a danza son os protagonistas. Hoxe,  moitas das vellas tradicións e dos antigos ritos perdéronse e outras van camiño de esmorecer, pero aínda hai xente que se resiste a perdelas e co seu traballo manteñen vivo o lume da nosa cultura. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario