domingo, 23 de outubro de 2016

FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES



Co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento á labor dos/as bilbiotecarios/as, celébrase o Día da Biblioteca, o 24 de outubropor iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Este ano, as autoras selecionadas para a redacción do pregón e o deseño do cartel que se difunde foron as gañadoras do Premio Nacional 2015, Ledicia Costas e Elena Odriozola.

 O texto de Ledicia Costasé precioso. GALIX  facilítanos a súa orixinal versión en galego e do que entresacamos este parágrafo: 

"Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día da Biblioteca. Sería xenial organizar unha festa con confeti e pompas de xabón. Celebrala ao grande. Encantaríame vestirme para tal ocasión como o personaxe dalgún libro, sentarme na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo e esperar a que fosen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda, Atreyu, Drácula ou mesmo Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñerte botas de pelo, plumas, zancos e chapeus. Chapeus! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, atraída polas cores e formas do meu chapeu:
-- Sombreireira tola, que festa máis marabillosa! Sería tan amable de servirme unha cunca de té?" 
En Galicia, a campaña de visibilidade da biblioteca escolar deste curso 2016/2017 lembra que a Biblioteca Escolar é "territorio das Artes", un espazo no que aproximarse á produción artística do noso país e de todas as culturas.

FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS!! 

martes, 4 de outubro de 2016

AS MOCHILAS VIAXEIRAS XA ESTÁN EN MARCHA


Están chegando ás casas as mochilas viaxeiras cargadas de fantasía, información, diversión e desexando ser compartidas por toda a familia.
Fixemos unha escolma de materiais da biblioteca para que  a disfrutedes ao longo dunha semana e  compartades as emocións e os coñecementos que a lectura pode aportar aos nosos cativos. Podedes anotar no "diario da mochila" suxestións ou contar a vosa experiencia de lectura compartida.

QUE AS DISFRUTEDES!!!